Wednesday 15 de May de 2024

O alcalde de Boqueixón amosa a súa satisfacción polo desenvolvemento do ciclo “Un mes e Pico”


O alcalde de Boqueixón, Manuel Fernández Munín, e o prestixioso historiador e arqueólogo Martín Almagro-Gorbea, foron os encargados de clausurar o ciclo “Un mes e Pico”, que durante os meses de agosto e setembro organizou tres conferencias, dúas exposicións itinerantes, cinco visitas teatralizadas, un roteiro literario e unha ruta arqueolóxica co Pico Sacro como protagonista.

“Estamos moi satisfeitos de como se desenvolveron todas as actividades. Por suposto que nos gustaría poder ter un maior aforo tanto nas visitas como nestas conferencias, pero a situación é a que todos coñecemos e tivemos que adaptarnos”, salientou Fernández Munín, quen aproveitou tamén para “agradecer o traballo de todas as persoas que fixeron posible este ciclo e foron quen de levalo a cabo cumprindo todos os protocolos indicados polas autoridades sanitarias”.

De feito, a pesar das restricións de aforo, preto de cincocentas persoas participaron nalgunha das doce actividades incluídas no ciclo “Un mes e Pico”, organizado polo Concello de Boqueixón co apoio do Xacobeo e a Xunta de Galicia. Un ciclo que foi pechado por Martín Almagro-Gorbea, prestixioso ponente que entre os seus logros inclúe ter sido director do Museo Arqueolóxico de Ibiza, da Escola Española de Historia e Arqueoloxía en Roma ou do Museo Arqueolóxico Nacional.

Nunha charla seguida por unha trintena de persoas na capela de San Sebastián, Almagro-Gorbea falou sobre “A Raíña Lupa e o Monte Sacro”, poñendo de manifesto as grandes pegadas celtas en Galicia, especialmente nas narracións sobre a Raíña Lupa, o Bosque Ilicino ou o Monte Sagro, todas elas estreitamente vencelladas ás lendas sobre Santiago.